Cambiar de compañía eléctrica pode parecer unha odisea: papeleos, contratos interminables, chamadas, etcétera. Porén, a realidade é moi diferente. Hoxe en día, o proceso é moito máis sinxelo do que a maioría de persoas imaxina. E se sabes que pasos dar, podes facelo sen complicacións, sen custos e coa tranquilidade de estar a pagar un prezo xusto pola túa enerxía. Como facer un cambio de compañóa sinxelo e seguro?

Por que cambiar de compañía eléctrica?

A principal razón adoita ser o prezo, pero non é a única. Pode que sintas que tes unha tarifa pouco clara, que notases subas sen explicación ou simplemente busques un trato máis próximo e transparente.

Ademais, o mercado enerxético actual está en constante movemento. Os prezos do mercado cambian cada día e as comercializadoras adaptan as súas tarifas segundo eses movementos. Por iso, revisar o teu contrato de luz de cando en vez é tan importante como comparar as ofertas.

Tamén pode ser que os teus hábitos de consumo cambiasen, por exemplo, se agora traballas desde casa ou tes un coche eléctrico, e a tarifa que antes che conviña xa non sexa a mellor. Neses casos, cambiar de compañía permíteche axustar a túa subministración ás túas necesidades reais e evitar pagar de máis. Mentres o teu contrato estea ao día e non teñas permanencia, ningunha empresa pode impedirche cambiar se atopas unha tarifa máis axustada ou un servizo con mellores condicións.

Como cambiar de compañía eléctrica paso a paso

O cambio de compañía eléctrica é un proceso totalmente dixital e sen cortes de subministración. Só precisas ter a man algúns datos básicos:

  1. Selecciona a túa nova compañía e tarifa. Elixe a opción que mellor se adapte ao teu consumo e hábitos.
  2. Facilita a información precisa. Pediráseche o nome do titular, o CUPS (que aparece na túa factura), a dirección da subministración e unha conta bancaria.
  3. Asina dixitalmente o novo contrato. A nova compañía encargarase de todo o procedemento de cambio.
  4. Agarda pola confirmación. En poucos días (polo xeral uns 14), o cambio estará completado. Non hai cortes de subministración nin necesidade de invercencións técnicas. Como persoa usuaria non notarás nada durante o procedemento de cambio de compañía.

Ademais, por lei tes un prazo de desistimento de 14 días naturais logo de firmar o novo contrato. Isto significa que se mudas de opinión durante ese tempo podes anular o procedemento sen ningún tipo de custo nin penalización.

Deste xeito, o cambio de comercializadora é un procedemento 100% seguro, transparente e reversible, pensado para que o consumidor teña sempre o control e a tranquilidade de elixir o que realmente lle beneficia.

Que ter en conta antes de cambiar de compañía eléctrica

Antes de te lanzares ao cambio hai certos aspectos chave que convén revisar para asegurar que a nova compañía realmente compensa:

  • Revisa a túa tarifa actual. Olla a túa factura e fíxate no prezo do k”h, o termo fixo (potencia contratada) e se tes penalizacións por permanencia. Se estás no mercado libre, asegúrate de entender que inclúe a túa tarifa.
  • Compara opcións. Non todas as comercializadoras ofrecen o mesmo. Algunhas teñen prezos fixos todo o día, outras tarifas con discriminación horaria e hai outras que seguen o prezo do mercado en tempo real.
  • Comproba a potencia contratada. Aproveita para revisar se estás a pagar por máis potencia da que precisas. Unha potencia maior pode incrementar a túa factura de forma innecesaria.
  • Prioriza a transparencia. Opta por compañías que che expliquen as condicións de forma clara, sen letra pequena nin servizos engadidos que non pedises.

En Máis Enerxía apostamos por tarifas sen permanencia e atención personalizada desde Galicia. Nada de contestadores, o noso equipo profesional está sempre ao teu dispor. Así podes resolver problemas, axustar ou cambiar a túa tarifa cando o precisas, sen medo a penalizacións e con toda a confianza.

Cambiar de comercializadora non debería de ser unha fonte de estrés senón unha oportunidade para pagar o xusto polo teu consumo e contribuír a un modelo enerxético máis sostible e transparente. Se estás a pensar en dar o paso, axudámosche a entender a túa factura, elixir a tarifa de luz que mellor se adapta a ti e realizar o cambio sen complicacións. Falamos?