
Máis Enerxía para o Festival Castelo Conta
Hai colaboracións que van máis aló dun patrocinio. No caso de Máis Enerxía e o Festival Castelo Conta, a conexión nace dunha forma compartida de entender o territorio: desde a proximidade, o compromiso con Galicia e o apoio ás iniciativas que dan vida ao medio rural.
Un ano máis, Máis Enerxía é patrocinador oficial do Castelo Conta e encárgase de iluminar os diferentes espazos nos que se desenvolve o festival. Cando chega a noite, prazas, espazos e rúas de Castelo transfórmanse para acoller a programación, os encontros e a celebración que caracteriza a esta cita.
A iluminación é así unha parte máis da experiencia do festival. Acompaña a música e as actividades, axuda a transformar os espazos e contribúe a crear esa atmosfera tan propia do Castelo Conta.
Unha colaboración que vén de lonxe
A presenza de Máis Enerxía no Castelo Conta non é nova. A compañía leva varias edicións colaborando co festival, nunha relación que conecta directamente coa súa aposta pola proximidade e polo territorio galego.
Nesta undécima edición, esa colaboración volve materializarse na iluminación dos espazos do festival. Pero a relación entre Máis Enerxía e Castelo comezou antes da propia semana da festa.
O pasado 12 de agosto, Máis Enerxía acompañou ao Castelo Conta durante a observación da eclipse total de sol en Folgueira, nunha xornada que reuniu a veciños e visitantes. Aínda que as nubes dificultaron a observación do fenómeno, a chegada da totalidade deixou Castelo ás escuras en pleno atardecer, facendo da ausencia de luz unha parte inesperada daquela experiencia.
A luz tamén forma parte da historia do medio rural
A relación entre Castelo e a luz vén de moito máis atrás. Hai case 75 anos, a chegada da electricidade á parroquia supuxo un cambio profundo na vida cotiá das súas aldeas. Modificáronse os horarios e os costumes, e tamén o xeito de vivir e relacionarse cos espazos.
Hoxe, a luz continúa acompañando a evolución das comunidades rurais, pero desde unha perspectiva na que tamén cobran importancia o respecto pola natureza, o coidado dos lugares que habitamos e a preservación do territorio.
É precisamente nese punto onde a colaboración entre Máis Enerxía e Castelo Conta adquire un significado especial. Porque apoiar unha festa como esta tamén é apoiar un medio rural vivo, a súa memoria, as súas comunidades e as iniciativas que contribúen a dinamizar Galicia.
Para Máis Enerxía, estar presente no Castelo Conta é unha forma de acompañar ao territorio e ás persoas que lle dan vida. E nesta edición, a luz volve ser o elemento que une a festa de hoxe coa historia de Castelo e coa mirada cara ao seu futuro.




