“Onde hai máis luz, hai máis vida”é o punto de partida de “Fogares”, a nova campaña anual de Máis Enerxía, que xa pode verse en Vigo, A Coruña, Ourense, Lugo e Santiago a través de autobuses e mupis dixitais.

Este ano quixemos falar da enerxía desde un lugar moi próximo: os fogares e todo o que sucede neles. Porque a luz forma parte de moitos dos momentos que vivimos cada día, aínda que normalmente non reparemos nela. Está nas conversas arredor dunha mesa, nas ceas que se alongan, nos plans improvisados, nas visitas, nos momentos de descanso ou nesas pequenas rutinas que, co paso do tempo, acaban formando parte dos nosos recordos.

Esa é a idea que está detrás de “Fogares”, a nova campaña de publicidade exterior de Máis Enerxía. Baixo o lema “Onde hai máis luz, hai máis vida”, a campaña pon o foco precisamente nesa relación entre a luz e a vida cotiá, mostrando que iluminar un espazo vai moito máis alá de facelo visible: tamén significa acompañar todo o que ocorre dentro del e contribuír a convertelo nun lugar propio.

A campaña está presente durante estas semanas nas principais cidades galegas, con creatividades en Vigo, A Coruña, Ourense, Lugo e Santiago, tanto en autobuses como en soportes dixitais de exterior. Trátase dun formato no que levamos varios anos traballando e que nos permite levar a marca ao espazo no que transcorre a vida diaria, integrándoa dunha maneira natural nas cidades e nos lugares polos que nos movemos habitualmente.

Autobús nunha rúa de Vigo rotulado coa campaña

“Fogares” mantén ademais unha continuidade visual coa campaña que presentamos en 2025. O feixe de luz que daquela percorría e conectaba algunhas das pontes máis recoñecibles das cidades galegas reaparece este ano como elemento común, aínda que cunha mirada diferente: se na anterior campaña a luz servía para unir lugares baixo o concepto “Iluminando o noso”, nesta ocasión entra nos fogares e achégase ás persoas e ás historias que suceden neles.

Con esta nova campaña seguimos desenvolvendo unha forma de comunicar a enerxía ligada á nosa maneira de entender a marca: próxima, recoñecible e conectada coa realidade das persoas. A enerxía está presente en practicamente todo o que facemos, pero poucas veces é a protagonista. En “Fogares” quixemos partir precisamente desa idea e mirar cara a todo aquilo que a luz fai posible sen necesidade de ocupar o primeiro plano.

Porque un fogar non o define un espazo, senón o que vivimos nel. E a luz, dunha maneira ou doutra, está presente en boa parte deses momentos.

Onde hai luz, hai máis vida.

Falamos?